A Xunta colabora coa AECC na organización dunha nova marcha contra o cancro en Lugo o 30 de abril

O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta da entidade, María Luz Abella, presentaron a iniciativa, que inclúe unha andaina polo adarve da Muralla e competicións por idades e categorías

Lugo, 22 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia colabora coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para organizar o vindeiro 30 de abril na capital luguesa unha nova edición da marcha contra esta enfermidade. O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta da entidade en Lugo, María Luz Abella, informaron hoxe na Delegación Territorial da Xunta sobre esta iniciativa solidaria, que pretende concienciar sobre a doenza e axudar a desenvolver os proxectos que ten en marcha o colectivo.

 

As actividades terán como punto de partida a praza da Horta do Seminario ás 19.00 horas. Haberá unha andaina polo adarve da Muralla para todos os públicos; así como carreiras en diferentes categorías e idades abertas á participación de nenos e adultos. Os prezos para inscribirse oscilan entre os 2 e os 7 euros.

 

As persoas interesadas poden obter toda a información na páxina www. lugocontraocancro.es' title='https://lugocontraocancro.es/">'>https://lugocontraocancro.es/">. Tamén é posible inscribirse a través deste sitio web ata o día 27 de abril, así como na sede da AECC ata o mesmo día da carreira pola mañá (de 11.00 a 13.30 horas). A recollida de dorsais será nas oficinas da asociación os días 29 (de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.30) e 30 (pola mañá na oficina e a partir das 16.00 horas na Horta do Seminario). 

 

Arias gabou o labor que desenvolve a asociación “na loita colectiva contra o cancro” e destacou o apoio da Xunta a través de ordes de axudas como a destinada a dotar de recursos ás entidades de iniciativa social, que na convocatoria do ano pasado achegou máis de 180.000 euros á AECC para os programas de atención familiar que desenvolve en toda a Comunidade.

 

Tamén salientou que a Administración autonómica “segue a reforzar os plans de prevención e a incrementar os medios de atención, tratamento e diagnose”. Nese sentido, lembrou que a Consellería de Sanidade investirá máis de tres millóns de euros co fin de mellorar e ampliar o equipamento da Unidade de Medicina Nuclear do Hula. Para iso, vaise adquirir unha nova gammacámara SPECT-CT e un equipamento PET-TC de nova dotación para o diagnóstico por imaxe de tumores e patoloxías neurodexenerativas.

Imaxes relacionadas